Mais de 3.000 poetas e críticos de lusofonia!

 

 

 

 

 

 

 

 

Xosé Lois Garcia


 


Unha obra que que conmemora a vida

 

 


 

Dixo Walt Whitman: "Os poemas da vida son grandes, pero tamén han de existir os poemas dos designios da vida, non só en si mesma, senón alén de si mesma". Sírvanos como enfática introdución e referencia aos poemas de Quadrante Lunar (Editora Caliban Ltda, Río de Xaneiro) da autoría do poeta brasileiro Majela Colares (Limoeiro do Norte, CE, 1964). Un extraordinario libro que se compón de trinta e nove densos poemas, forxados desde a vida mesmo para achegarnos aos designios da vida. A vida multiplicada e conquistada que nos ofrece o poeta brasileiro implícanos directisimamente en varios procesos da súa escrita e na harmonía de memorias e continxencias que desfilan sen contraposición deses valores existenciais onde a propia vida entra en diálogo coas súas propias realidades que a conforman.

O título do poemario é conciso e esclarece dunha maneira puntual o que se conforma e artella nos seus versos. Majela Colares é un verdadeiro arquitecto que sabe erguer esa enorme monumentalidade poética: sólida e con raíces profundas que emerxen e esclarecen esa follaxe exuberante e vigorosa na que se revela a palabra poética. A palabra resplandecida dese seu luar tan particular e dinámico que nos interna nun sen fin de conceptualidades e nos retrae a certos clasicismos cunha patente de extremada modernidade. Colares non é un finxidor, porque a emoción nunca pode finxir nin gornecerse en falsos arquetipos como era costume en tantos hemisferios poéticos. Xa no século XIX o vello Whitman, advertiu: "A literatura actual, mentres que satisfai magnificamente e con plenitude certas esixencias populares, con abundante saber e astucia verbal, está profundamente sofisticada, é insá e o seu verdadeiro goce é patolóxico". Esta é unha observación dun poeta de antano que nos convida a reflexionar sobre as puntualidades da poética actual feita para conmover e emocionar e non para perdurar. Coido que emoción e perduración son dos termos que en poesía, ou en calquera obra literaria, son indivisíbeis. Majela Colares sábeo e, ademais, intúeo, tal como o manifesta a magnitude da súa creatividade poética. Nos versos iniciais de Quadrante Lunar, o poeta dinos no poema, "Motivos para um poema": "Na frieza do papel nasce o poema/ que ha muito contornaba minha mão// na incerteza dos dedos, o dilema// en facer um poema sem razão.../ mas o verso não surge por acaso// sempre tem um segredo, um senão// desenhado na face, no sorriso/ que sorrí outra face com ternura// -o rosto imaginado- só por isso/ a razão do poema e razão pura".

A lectura deste poema déixanos unha serie de premisas que reflicten o pragmatismo e, aínda, os elementos empíricos cos que se nutre o poeta. E de inmediato, nos poemas conseguintes, fálanos do silencio. Sen o silencio o poeta non ten un punto de partida para chegar á reflexión poética e coa reflexión poética obter os resultados metafísicos que nesta obra podemos contemplar. Estamos falando dun libro unitario conceptualmente mais que nos ofrece unha sondaxe de temarios moi diversos e evocadores como o poema que titula: "Um canto para García Lorca", que ademais da evocación metafórica nos presenta, en conmoción, un Lorca renacido, tal como o manifestan os dous últimos versos: "vive a voz do poeta e causa espanto/ esta voz -o poema que foi Lorca".

Majela Colares non é un aprendiz nas artes poéticas, non sei se aínda ten consolidado o seu nome como un dos grandes poetas do Brasil o que si é verdade é que é un valor en alza, recoñecido polos críticos máis esixentes do Brasil. Polo tanto, estamos ante un creador para quen a súa obra non pasa desapercibida. Unha obra que conmemora a vida; as cousas do aquí e do alén. O ritmo, a lírica contida e sen contenciosos que lle fagan sombra esclarecen a un poeta virado cara a todo aquelo que resplandece. Non precisa de ser un poeta de impactos ocasionais, a súa creación emana das súas interiorizacións combinadas entre maxín e sentimento. Majela Colares é todo creación e para non perdelo de vista.


Xosé Lois Garcia é escritor e critico literário espanhol, professor na Universidade de Barcelona.

Artigo publicado no El Correo Gallego, 18.07.2006.
 

 

 


 

04/10/2006